Thursday 16 de May de 2024

O Millennium volverá a ter luz tras once anos a escuras


O proxecto inclúe a compra de 40 lámpadas que se poderán regular a distancia grazas a un control remoto

O Concello da Coruña acaba de facer público o proxecto para renovar a iluminación do obelisco Millennium, que levaba avariada desde o ano 2011. Os traballos atópanse en fase de licitación e contan cun orzamento de 88.945,41 euros. Esta actuación confirma o compromiso do Goberno de Inés Rey coa renovación e posta ao día dos grandes monumentos e símbolos da cidade, os reloxos do Obelisco e do Palacio Municipal, que se restauraron recentemente, e as melloras acometidas no xardín de Méndez Núñez e as que están en marcha no de San Carlos.

No Millennium renovarase a instalación lumínica actual, en mal estado, por unha máis eficiente e moderna, que optimice o seu funcionamento e garanta unhas condicións de iluminación adecuadas neste monumento tan recoñecible da cidade e apagado desde hai anos. Substituirase por completo a actual rede actual, tanto o alumeamento xeral como o de mantemento e as balizas de sinalización. Unha vez adxudicado o proxecto, espérase que os traballos estén rematados en seis semanas.

As obras afectarán principalmente ao interior do obelisco, na súa estrutura metálica interna e na base de formigón. Tamén haberá intervención nos arredores do propio obelisco. Tamén se contempla a reposición da posta a terra do pararraios existente na cima do Millennium.

Os traballos comezarán coa retirada de todos aqueles elementos que supoñan un obstáculo para a nova instalación. Desmontaranse os elementos da instalación eléctrica que se vai substituír, incluíndo cadros eléctricos e circuítos asociados, caixas de derivación, tubos de protección, tomas de corrente ou as lámpadas actuais.

Os novos puntos de luz, un total de 40 lámpadas de tipo LED, serán máis eficientes e sostibles que as actuais. 21 delas colocaranse en niveis alternos do obelisco e dispoñeranse tres en cada un dos pisos e lados da pirámide. Por outra banda, instalaranse un total de seis lámpadas no último nivel do obelisco de dous modelos diferentes, tamén para alumeamento xeral. Inclúense no orzamento outras seis unidades por se resultasen necesarias durante a execución dos traballos. Por último, instalaranse outras sete
lámpadas, necesarias para os traballos de mantemento no monumento.

O funcionamento normal do alumeamento será xestionado por un sistema de control por telexestión. Tamén estará dispoñible un centro de mando no propio obelisco, que permitirá actuar de maneira manual ou en remoto. Grazas a este servizo poderase ter un control remoto do cadro eléctrico e regular os niveis de iluminación.